Potenciando espazos culturais e creando experiencias transformadoras
Os nosos Proxectos
Actuando en Con-Vivencia:
Para construír espazos de entendemento e respecto a través do teatro
O obxectivo do proxecto “Actuando en con-vivencia” é mellorar a convivencia e fomentar a empatía entre o alumnado dos institutos de secundaria a través do teatro, no que as rapazas e rapaces poidan explorar diversas realidades dende puntos de vista diferentes. Baseado na “pedagoxía crítica” de Gustavo Freire, que consiste en concienciar e fomentar unha visión crítica na comunidade educativa sobre os problemas sociais que repercuten de maneira directa e indirecta na vida escolar. Deste xeito, a través de técnicas teatrais e dinámicas de escena, o alumnado explorará temas de convivencia, respeto e empatía, tendo que manexar habilidades de comunicación, escoita activa e cooperación. Actuando en con-vivencia" aposta, polo tanto, por unha educación emocional e social baseada no respecto, na cooperación e na creatividade. Se queres levar este proxecto ao teu centro ou entidade, contacta connosco e deseñaremos unha proposta adaptada ás necesidades do teu grupo.
Obxecto intermediario:
O Poder Terapéutico do Monicreque
Este proxecto utiliza os monicreques como ferramentas para fomentar a expresión emocional, a comunicación e o desenvolvemento persoal en distintos colectivos. A metodoloxía baséase no uso do teatro de obxectos para traballar con persoas en situacións de vulnerabilidade, nenas, nenos, adolescentes e colectivos con necesidades especiais. A través dos monicreques, créase un espazo seguro onde os participantes poden expresar emocións, superar medos e mellorar as súas habilidades sociais. Como destaca a profesora María Angélica Alizade, estas ferramentas permiten revelar a subxectividade dos usuarios, fomentando a expresión verbal e non verbal, e promovendo o benestar emocional a través do xogo e da creatividade.
O proxecto combina técnicas de teatro terapéutico e educación emocional, ofrecendo intervencións en diferentes contextos:
● Educación: Integración de monicreques en programas escolares para traballar valores, convivencia e inclusión.
● Saúde e Benestar: Apoio a persoas con dificultades emocionais, facilitando a súa comunicación e autoestima.
● Intervención Comunitaria: Creación de espazos de diálogo e participación social a través do teatro de obxectos.
A nosa proposta está dirixida a entidades sociais, educativas e sanitarias que buscan novas metodoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas. Se queres coñecer máis sobre como este proxecto pode adaptarse ao teu ámbito de intervención, contacta connosco.
Rachando co guión:
Pola igualdade de xénero
A desigualdade está presente en cada recuncho da sociedade. “Rachando o Guión” non é un simple obradoiro: é unha experiencia teatral transformadora onde o alumnado deixa de ser espectador para converterse en protagonista do cambio.
Neste espazo de intervención escolar e social, destruímos os papeis predefinidos e reescribimos a historia en tempo real. A través da dramatización, a animación de obxectos e a improvisación, levamos ao escenario situacións reais de desigualdade de xénero. Non buscamos só representar un problema, senón poñelo en evidencia, esnaquizalo e reconstruílo desde unha perspectiva máis xusta.
O público non se limita a mirar: métese de cheo no xogo teatral, propondo alternativas, experimentando cambios e vivindo en primeira persoa a loita por unha convivencia igualitaria. O obxectivo? Que cada participante saia do obradoiro cunha nova conciencia e cunha nova voz, lista para rachar co guión imposto e escribir unha realidade diferente.
“Rachando o Guión” non remata no escenario. As solucións que xorden aquí transpórtanse á vida diaria, transformando o espazo escolar nun lugar máis equitativo e respectuoso. Este obradoiro ademais de poñer en valor o teatro como ferramenta educativa, tamén convida a crear historias novas, con roles máis xustos e con finais que non dependen do azar, senón da decisión colectiva de cambiar o mundo.
Que pasaría se, por unha vez, fosemos nós quen tivésemos o poder de decidir como acaba a historia? Aquí temos a oportunidade de descubrilo.